MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE AMES SOBRE A DEFENSA DOS REXISTROS CIVÍS E EN CONTRA DA PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Goberno que preside Mariano Rajoy vén de aprobar no Consello de Ministros do pasado venres día 4 de xullo o “Real Decreto Ley 8/2014 de Aprobación de Medidas Urgentes para el Crecimiento, la Competitividad y la Eficiencia”, o cal xa foi publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) ao día seguinte. Este Real Decreto, entre outras medidas de interese como a regulación dos horarios e a apertura nos comercios, os límites as taxas nos pagos en comercios con tarxetas de crédito, a privatización de AENA e as tarifas aeroportuarias, a liberación dos prezos enerxéticos, a regulación dos drones, etc. tamén regula a competencia do Rexistro Civil, que pasará a ser responsabilidade dos rexistradores que teñan ao seu cargo as oficinas do Rexistro Mercantil.

Ata o de agora a expedición de certificacións rexistrais realizábanse na súa maioría de maneira directa nas dependencias dos Rexistros Civís ou nos Xulgados de Paz nas propias localidades; no caso de Ames estamos a falar de máis de 5000 certificacións ao ano, as cales se realizan dependencias do Xulgado de Paz amienses, é dicir o servizo préstase de xeito directo e inmediato (agás aquelas que precisan ser apostiladas polo Tribuna Superior de Xustiza, ou aquelas outras que se estenden sobre documentos doutros países).

Ademais o Real Decreto 8/2014 establece na súa Disposición adicional décimo novena sobre a Prórroga da entrada en vigor da Ley 20/2011, que regula o Rexistro Civil, que a data límite para a aplicación do disposto será o día 15 de xullo de 2015. Polo que tras a decisión por parte do goberno de Mariano Rajoy de entregarlle o Rexistro Civil aos Rexistradores Mercantís supón que os cidadáns do concello de Ames, ao igual que o da maioría dos concellos, terán que desprazarse a unha cidade na que exista Rexistro Mercantil para realizar os trámites relativos aos expedientes rexistrais ou outra certificación que precisen, o cal ocasionará outro trastorno e dificultade a maiores para os e as cidadás, aos que cada día se lle infrinxen máis castigos por parte do goberno do Partido Popular poñéndolle constantes trabas e obstáculos para poder achegarse á administración. Está claro que o Goberno de presidente Rajoy e o ministro Gallardón con esta modificación só conseguen afastar un servizo público da sociedade e crearlle un custe adicional aos cidadáns.

Este é un paso para a privatización do Rexistro Civil, posto que os Rexistradores Mercantís, a pesares de ser funcionarios públicos actúan como empresas privadas, xa que os seus ingresos non proceden dos Presupostos Xerais do Estado, senón dos aranceis que lle cobran aos seus clientes, e polo tanto son a todos os efectos empresas privadas que ademais actúan como tales. A Disposición Adicional vixésimo segunda di que se creará unha “Corporación de Derecho Público”, a encargada da contratación, xestión, mantemento, conservación e actualización do sistema informático que xestionará e almacenará os datos de todas as oficinas do Rexistro Civil. Esta “Corporación de Derecho Público” terá personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica para o cumprimento dos seus fins, e estará formada polos rexistradores que en cada momento resulten responsables da levanza dos Rexistros Civís e Mercantís. Polo que, os datos de millóns de persoas se poñerán en mans de empresas privadas que se encargarán de xestionalos e custodialos

A este entorpecemento e privatización do servizo hai que engadir os miles de postos de traballo que se destruirán, xa que os sindicatos denuncian a incerteza dos 2.500 funcionarios que traballan nos Rexistros Civís de toda España, aos que hai que sumar o risco que no emprego para outros 2.500 interinos que traballan nos xulgados e tribunais.

En definitiva, o Real Decreto 8/2014 supón a defunción do servizo público que era o Rexistro Civil, e a partir de agora un acto como inscribir un nacemento, unha defunción, un matrimonio, unha separación, un divorcio ou cambiar o nome e os apelidos vai a significar un novo atranco para a cidadanía por culpa dun goberno que só pretende destruír e rematar co servizo público da xustiza. Porque a esta decisión hai que sumarlle as desgraciadas medidas da Lei de Taxas e os recortes na Xustiza Gratuíta coa cal se impedía o acceso a centos de miles de persoas ao sistema xudicial, ademais de crear unha desigualdade ao convertela nunha xustiza para ricos. E posteriormente coa Lei Orgánica do Poder Xudicial que arrasará coa xustiza de proximidade e destruirá numerosos edificios xudiciais.

Pero o peor de todo é que esta modificación dos Rexistros Civís se agache nun Real Decreto Lei de 170 páxinas, no que se abordan cuestións que afectan a oito ministerios, e que a parte sobre a privatización dos Rexistros apareza tan unicamente en seis disposicións adicionais e unha final, y só en seis parágrafos da exposición de motivos que ten una extensión de 30 páxinas; ademais de orixinar as protestas, non só dos grupos políticos da oposición, senón tamén de sindicatos, colectivos de xuíces e secretarios xudiciais e incluso do propio Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís porque foi imposto sen ningún diálogo nin negociación.

Por todo o anteriormente exposto é polo que

SOLICITAMOS

1. Instar ao Goberno de España a que elimine as Disposicións Adicionais décimo novena, vixésima, vixésimo primeira, vixésimo segunda, vixésimo terceira, vixésimo cuarta e a Disposición Final 8 do “Real Decreto Ley 8/2014 de Aprobación de Medidas Urgentes para el Crecimiento, la Competitividad y la Eficiencia” pola que se modifica a Lei 20/2011, de 21 de xullo, do Rexistro Civil.

2. Dar traslado do presente acordo a todos os grupos con representación no Congreso do Deputados.