O Goberno en maioría de Amor e Argibay pediron 1.600.000€ en préstamos que agora non paga e deixa en man dos futuros rexedores
Miñones denuncia tamén o silencio e a incongruencia dos membros de Pacto x Ames que permitiron co seu voto a toma desta decisión
O goberno presidido por Santiago Amor e o líder de Pacto x Ames, Ramón García Argibay, aprobaron no 2012 a solicitude de dous préstamos por importe de 1.600.000 euros nunhas condicións prexudiciais para os intereses do Concello cun interese do euribor+0,45% que supón o pago de preto de 400.000€ en xuros a pagar ata o 2022. O Grupo municipal Socialista criticou no seu día esta decisión tomada polo goberno maioritario de entón e advertiu das consecuencias que tería no futuro. Agora o tempo pon a cada un no seu sitio e demostra o desastroso desa medida cunhas condicións sangrantes que o propio Concello está mirando de cambiar e ligadas a un plan de axuste inxusto e inxustificado. Din os Socialistas que lonxe de mellorar, as arcas municipais presentan agora mais débeda e se lle deben aos provedores máis cartos que cando se tomou dita medida.
Plan de Axuste
O PP de Ames tomou como medida estrela á súa chegada ao Goberno a imposición dun Plan de Axuste que hipotecaba ao Concello de Ames nos vindeiros 10 anos con medidas restritivas en todos os sectores do Concello. Coa aprobación deste plan de axuste o Goberno afogou aos veciños e veciñas de Ames con subidas de taxas e impostos directos e indirectos sen aplicarse así mesmo a mesma vara de medir, e permitíndose un incremento de dedicacións exclusivas con cargo aos que gobernan, e multiplicando por 3 o gasto en persoal de confianza con respecto á lexislatura anterior. O hipotético aforro que fixo o Goberno foi descargado sobre a oposición á que retirou as dedicacións que cobraban eles mesmos cando se sentaban no banco da oposición, e sobre o persoal e veciños e veciñas, con medidas extraordinarias, rebaixas de soldos, de permisos e dereitos.
Todo este plan de axuste foi defendido por parte do Alcalde e tamén o entón primeiro tenente de alcalde, o Sr. Argibay, agora líder dos non adscritos de Pacto x Ames, baixo unha suposta necesidade dun pago aos provedores que nunca tivo xustificación crible e coherente e,que agora co paso do tempo se amosa ineficiente, cunha carga maior pendente de pago sobre estes mesmos provedores.
O plan de axuste aprobado presentaba as seguintes medidas que o Goberno fixo ou ten previsto facer nos vindeiros meses:
⎯ Subida do IBI
⎯ Subida do imposto de vehículos
⎯ Subida das taxas de comedores, escola de música, bos días, tardes divertidas e escolas deportivas.
⎯ Cobro retroactivo da taxa do lixo
⎯ Axuste máximo de usuarios e de prezo nas actividades municipais
⎯ Non cobertura de baixas e xubilacións, etc.
O Goberno baixo a mentira do pago de provedores
No 2012 o Goberno en maioría solicitou dous préstamos aos bancos por máis de millón e medio de euros para facer fronte á débeda cos proveedores. Daquelas facturas sen pagar un porcentaxe moi baixo correspondía á etapa do PSOE no goberno, poñendo de manifesto a reiterada mentira do PP ao longo da súa etapa na oposición e durante as eleccións de 2011, onde afirmaban unha suposta débeda de 16 millóns de euros e acusaban ao Goberno socialista de non facer fronte aos proveedores por importes superiores a 4 millóns. A solicitude deses préstamos foi ligado a un plan de axuste a dez anos que provocou a subida de taxas, as restricións de prazas para as diferentes actividades (escola de verán, xuño lúdico, etc.) e que hipotecou ao Concello para toda unha década. Os Socialistas catalogamos de innecesaria aquela medida e criticamos a vía fácil pola que optou o Goberno de Amor, pedindo cartos aos bancos en vez de xestionar a débeda cun plan de pago aprazado. “O Alcalde e o seu goberno maioritario preferiu asumir unhas condicións sangrantes dos bancos antes que xestionar e solucionar os problemas”, afirma o voceiro Socialista, José Miñones.
O PP intentou facer ver que a débeda cos provedores eran facturas deixadas sen pagar pola anterior corporación cando a realidade foi que tan só 246 das 836 correspondían á anterior etapa tal e como se contabilizan no informe de intervención. Foi o goberno de Amor e Argibay o maior responsable da débeda cos provedores froito da súa xestión e cun importe de preto de un millón e medio de euros dende a súa chegada ao Goberno. “Os Socialistas nunca botamos balóns fóra e sempre asumimos a nosa débeda cos provedores da que nos fixemos cargo con pagos puntuais nos que tan só 15 facturas excedían dos 6 meses de atraso e sen ter que recorrer a medidas drásticas e endebedamentos innecesarios tal e como fixo o Goberno de Amor”, di o portavoz do Grupo Socialista.
O goberno de Amor non amortizou nin un euro
Pero o peor de todo chega agora cando observamos que o Goberno do PP lonxe de facerse cargo das súas decisións carga sobre o futuro goberno municipal o pago dos seus préstamos. Durante os dous primeiros anos dende a aprobación deses préstamos, 2012 e 2013, o goberno de Amor non se responsabilizou da súa equivocada decisión e non amortizou nin un só euro de cada un deses préstamos, nin pagou xuro algún dos mesmos. “Amor e compañía impoñen pedir cartos aos bancos e eles despois non pagan utilizando os dous anos de carencia para que sexan outros os que teñan que asumir ese custe no futuro”, sentenza Miñones. Non é a primeira vez que o Goberno utiliza esa táctica xa que recentemente xa veu de propoñer unha modificación de pagos a Augas de Galicia polo tema da potabilizadora atrasando a aportación e solicitando pagar nos anos 2014 e 2015 en vez de 2013 e 2014. Ademais a maior parte do pago atrásase ao vindeiro ano electoral de 2015 para ter agora unha maior liquidez, “Amor fai uso da barra libre para que sexan outros os que paguen as súas decisións”.
Finalmente os Socialistas catalogamos de innecesaria a toma de decisión de solicitude destes préstamos porque levaban implícito un plan de axuste directo e imposto pola porta de atrás que ademais implicaría un aumento da débeda. Cremos e afirmamos con rotundidade que os proveedores deben cobrar en forma e tempo pero non permitiremos que iso vaia asociado a un axuste e afogamento do Concello. O tempo nos demostra agora que non tivo sentido algún dita medida e así a día de hoxe a realidade volve a amosar a falta de xestión dun goberno á deriva que despois de poñer o contador a cero en febreiro de 2012 co pago aos provedores, a día de hoxe deben mais de 1.750.000€ en tan só 2 anos e medio, onde está agora a crítica dos dirixentes do PP que facían cando estaban na oposición?, debemos de dicir os socialistas que o Goberno do PP non quere pagar e son uns morosos como facían eles antes? “Os Socialistas non imos caer nesa política rastreira e populista, e o único que facemos é criticar as medidas equivocadas adoptadas polo Goberno en maioría, o incremento de débeda provocado e a falta de seriedade deixando de pagar os préstamos pedidos para que sexan outros os que o teñan que asumir”, aclara o portavoz socialista.
Pacto x Ames
E a todo isto, onde están os concelleiros de Pacto x Ames? Nestes últimos meses veñen criticando ao goberno e sumándose ao mensaxe dos socialistas sobre a parálise do Concello, pero non din que esta consecuencia é en gran medida por un acordo tomado por eles mesmos cando eran compañeiros no goberno do PP e chama a atención non escoitarlles nada acerca do incremento da débeda ou do alto interese que ten que pagar o Concello. Por iso os Socialistas tamén criticamos o silencio e a irresponsabilidade dos ex-socios de Goberno que agora conforman Pacto x Ames. Non entendemos os Socialistas como os ex-concelleiros/as do PP poden estar criticando ao goberno por numerosas actuacións e quedar calados ante a situación creada pola petición destes préstamos e o plan de axuste que eles votaron a favor. Para Miñones esta postura dos escindidos é covarde e lles pide que fagan autocrítica e recoñezan o erro feito e o dano causado co seu voto favorable a dito plan, “non recoñecer o seu erro é estar do lado de todas as medidas levadas a cabo polo goberno amiense e que tanto critican” afirma o voceiro Socialista. Un exemplo desta incongruencia coa que actúan os membros de Pacto é a crítica que veñen de facer do límite de prazas das escolas de verán e xuño lúdico que levou acabo o Goberno e que é consecuencia do aprobado no plan de axuste, ou a crítica pública que fai o concelleiro Argibay sobre a suba de IBI e que novamente estaba contemplada no plan de axuste que el mesmo aprobou ou a recente denuncia que fixeron sobre a xestión de tributos e que tamén estaba contemplada no citado plan. Á vista queda que Pacto x Ames é preso das equivocadas decisións tomadas no pasado e cómplice de moitas das decisións que o goberno toma como do incremento da débeda creada por solicitar 2 préstamos bancarios por mais de un millón e medio de euros. Miñones pídelles que “quiten a careta e amosen a súa verdadeira cara, ou que fagan autocrítica e recoñezan publicamente o seu enorme erro”.