O alcalde está enganando á opinión pública ao falar dunha sentencia xudicial que afectou a licitación, xa que se trata dun acordo de conciliación feito público bastante antes de anunciar o concurso do servizo

Hoxe confirmamos a nosa denuncia arredor do servizo de comedores por vía da nota do Comité de empresa: o prego non recollía a información relevante para o concurso feita pública tempo atrás e que foi determinante para a renuncia das empresas.

Onte luns o alcalde facía unha comunicación onde indicaba “O motivo principal esgrimido polas dúas empresas é o conflito laboral sostido pola anterior adxudicataria cos seus traballadores, sobre o que recaeu unha sentenza xudicial que recoñece un incremento salarial dos monitores.” Ante esta situación os grupos socialista e de Ames Novo rexistrou a pregunta: cal é a sentenza xudicial á que se refire?.

Agora sabemos que o acto de conciliación foi previo ao anuncio do concurso, polo que o alcalde pretende enganar á opinión pública: ou ben o alcalde está ocultando a información, o que sería un acto de confusión masiva, ou ben non o coñecía, o cal sería indicativo de que non é alcalde nin é nada, ao non coñecer unha información crucial para un servizo municipal de enorme transcendencia económica e social.

Ante esta situación de extrema gravidade, os grupos de Ames Novo e dos Socialistas de Ames convocamos dúas reunión para informar e ver vías de actuación. Convocamos todas as ANPA de Ames a unha reunión mañá mércores 3 ás 21:00h, así como á representación dos/as traballadores/as para o xoves 4 de setembro ás 15:30h. Así mesmo solicitámoslle ao goberno unha reunión co/as voceiro/as de todas as forzas políticas presentes no Pleno municipal, para dar conta da situación actual do problema, cal van ser as vías de solución e de que xeito vai afectar ao Concello e ás familias usuarias.

Esta situación de engano por parte do alcalde é inadmisible, nin o Partido Socialista nin Ames Novo toleraremos máis faltas de respecto e burlas aos pais e nais do milleiro de rapaces que utilizan os comedores escolares, e tampouco consentiremos que o goberno do PP de Ames continúe ríndose da oposición co seu constante menosprezo e marxinación cando lle lembramos que somos maioría. Non hai dúbida, que o grupo que maldirixe Ames entrou nun bucle de fracasos que desgraciadamente estamos a pagar e a sufrir as veciñas e veciños.

Parece unha burla que hoxe o Conselleiro de educación faga unha visita ao CEP de Ventín a sacar a foto cando son incapaces de resolver os problemas que eles mesmos crearon.

Lembramos a secuencia:

O anterior contrato foi aprobado en 2010 e resolto por un período de 2 cursos, con prórroga de dous máis, ou sexa comezou no curso 2010/11 e remataba no 2013/14, sen posibilidade de máis prorroga. Chegado ao presente curso 2014/15 o Goberno debía licitar o servizo para os vindeiros anos.

O 28 de maio de 2014 resolveuse por acordo entre as partes en sede xudicial o conflito aberto arredor do convenio que debía rexer os contratos laborais.

O 14 de xullo de 2014 publicábase no BOP o anuncio da contratación do servizo de monitoraxe na rede de comedores escolares do concello de Ames, baixo o seguinte prego de clausulas administrativas particulares.

A empresa que prestou o servizo nos últimos anos non se presentou a este novo concurso quedando dúas empresas para xestionar este servizo de monitoraxe. O 12 de Agosto a Xunta de goberno local anunciou a clasificación das ofertas e a adxudicación do servizo á empresa COESCO pero esta empresa renunciou. Posteriormente renunciou a segunda empresa concursante, A Billarda.