Miñones pídelle ao alcalde que lle pida publicamente perdón aos amienses se aínda lle queda dignidade e ten algo de vergoña.

Os socialistas din que neste proceso de licitación da auga se gastaron máis de 35.000 euros aos que hai que sumar os 1.600 €/día polo sobrecusto do servizo ao rematar a prórroga coa empresa que ata o de agora tiña a adxudicación

Este goberno leva toda a lexislatura sin facer obras de saneamento porque apostou todo ao contrato da auga.

Hoxe remata o prazo da prórroga que tiña o goberno para dar o servizo de abastecemento e depuración da auga coa empresa Espina&Delfín. Ao final o goberno non foi quen de sacar adiante esta licitación e despois de 365 días de prórroga acabóuselle o tempo sen conseguir unha empresa que xestione o servizo.

Esto é unha mostra da forma de funcionar que ten o goberno do Partido Popular de Ames, o cal deixa todo para a última hora. Di José Miñones, o portavoz socialista que “a situación só ten un culpable que non é outro que o Goberno que preside Santiago Amor”, e apunta que as causas pódense atopar “na súa incapacidade de diálogo coas empresas e coa oposición”. Continúan dicindo os Socialistas de Ames que volver a licitar o servizo integral da auga polo mesmo período que hai un mes, quedando deserto daquela, é un erro e unha escapada desesperada de quen non saben que facer cun dos contratos máis importantes que lle toca licitar a un goberno. “Tempo de sobra tivo Amor e o seus concelleiros e concelleiras para preparar un bo prego para licitar o servizo, e non realizar unha chapuza monumental como a que están a desenvolver”, indica Miñones.

Lembran os socialistas que desde o inicio deste proceso aportaron propostas e solucións, e participaron activamente na comisión que se creou a tal efecto, chegando incluso a apoiar co seu voto a licitación a 15 anos. Pero que foi o goberno de Amor o que decidiu deixarnos fóra coa toma de decisións unilaterais

Xogou todo a unha carta e perdeu a partida
O Partido Socialista afirma que pase o que pase a partires de agora xa hai un dano feito e unha perda de cartos irrecuperable, porque o Goberno municipal xa gastou máis de 35.000 euros en pregos innecesarios e deixou de ingresar cerca de 4 millóns de euros nos que volcara toda a súa política de saneamento que quedou en nada. “Este goberno leva desde o inicio da lexislatura aprazando as actuacións en saneamento á espera da licitación da auga, e agora os veciños e veciñas de moitas lugares de Ames, por culpa da nefasta xestión do alcalde, vén como aínda non se van a solucionar os seus problemas” di o socialista, e explica que “cada vez que nós –o Grupo Socialista- propoñía algunha obra de saneamento o alcalde e a concelleira Martín nos dicían que se faría cos ingresos do contrato da auga”, pero, “agora iso quedou diluído por culpa da súa incapacidade de licitar o servizo nunhas condicións normais e razoables”, matiza José Miñones.

Para os socialistas amienses, desgraciadamente, unha vez máis, a incapacidade de quen goberna Ames pasa factura aos bolsillos dos veciños e veciñas e golpea directamente nas parroquias cun irrisorio investimento en saneamento en toda a lexislatura. E iso pasa pola falta de previsión e planificación do goberno do PP que xogouno todo a unha carta e rematou por perder a partida.

Descoñecemos o que vai a pasar mañá
Din os representantes do Partido Socialista que a día de hoxe descoñecen como se vai a xestionar o servizo de auga a partires de hoxe que remata o prazo para a xestión de Espina&Delfín, e polo tanto non sabemos que pasará mañá, xa que a estas horas por parte do goberno de Santiago Amor carecemos de calquera tipo de información, o cal nos parece unha burla e un total menosprezo á oposición e aos veciños e veciñas, “que estamos no noso dereito como contribuíntes de ter a información oportuna, sobre todo nun servizo tan importante e vital como é este”, manifesta o portavoz municipal do PSdeG. A única información que temos é que ían a licitar novamente o servizo por nove meses (e xa é a terceira licitación nun ano), pero variando as condicións dos pregos, xa que nesta ocasión dan un mes de prazo para presentar as ofertas, e non quince días como na anterior.

O alcalde debe de pedir perdón publicamente
Pero, a pregunta que nos facemos é: que pasará si dentro de un mes non volve a presentarse ningunha empresa?. Como sempre o goberno do PP de Ames está xogando á ruleta rusa, e apostando todo a unha única bala, e por desgraza, ata o de agora sempre lle saíu mal o tiro. José Miñones di que “non podemos estar improvisando constantemente, non é nin serio nin responsable o desgoberno ao que nos ten sometidos este alcalde que camiña de fracaso en fracaso”. Pero o peor, é que pase o que pase o día que remate o prazo da nova licitación o noso concello, e polo tanto os veciños e veciñas de Ames, xa perdemos moito, porque existen uns gastos moi elevados que xa deberemos de asumir entre todos e todas: o sobrecuste do servizo que o propio alcalde valorou en 1.660€/día, aos que hai que engadir –como xa dixemos antes- os máis de 35.000 euros de gastos na elaboración de pregos. Pero o peor de todo é que “nin o alcalde nin o seu goberno asumen responsabilidades, a pesares de derrochar e malgastar de maneira tan descarada e criticable os cartos de todos e todas as amienses”, di Miñones con rotundidade, e pregúntalle ao alcalde “se é capaz de durmir tranquilo polas noites despois da desfeita que está a realizar en Ames”. Remata o portavoz socialista pedíndolle ao alcalde que “se aínda lle queda dignidade e ten algo de vergoña debe de saír publicamente pedíndolle perdón aos amienses”