Ames Novo e os Socialistas reunímonos coas ANPAS e os traballadores na busca dunha solución ao problema creado por un erro administrativo.

O goberno de Ames lonxe de salvar situación algunha o único que fixo foi un remendo a unha situación creada por eles e sendo os únicos responsables.

Os grupos de Ames Novo e os Socialistas de Ames Novo queren comunicar que a situación de descontrol creada a raíz da renuncia das empresas ao concurso de monitoraxe dos comedores escolares foi froito dun erro administrativo e dun goberno nada previsible; e nunca culpa nin de supostos litixios, falsas sentenzas ou invencións que o Goberno en xeral, e o Alcalde en particular, quixeron trasladar á cidadanía. Para estes grupos o Alcalde amosou unha vez máis as súas carencias e non soubo asumir o erro levado a cabo nuns pregos que estaban mal redactados, ao non ter en conta o convenio de hostalería polo que algúns traballadores e traballadoras se rexen. “Eludir responsabilidade pasa por ser a tónica deste Alcalde que sempre ve nos demais as culpas do sucedido e nunca é capaz de asumir responsabilidades e recoñecer os seus erros”, manifestan desde Ames Novo e o Partido Socialista.

Para Socialistas e Ames novo é inaudito que licitación tras licitación se estean a cometer erros e os que mandan non asuman tal despropósito nin se quiten a venda dos ollos. “O Concello de Ames vive día tras día na temporalidade dos procedementos e camiña fracaso tras fracaso por culpa de quen o dirixe” aseveran ambos grupos.

ANPAS
O pasado mércores os dous grupos da oposición reuníronse con todas as ANPAS do Concello para trasladarlle toda a información que tiñan á súa disposición e na busca dunha solución ao problema. Nesta reunión as ANPAS amosaron a súa preocupación a tal esperpento e decidiron presentar un escrito no Concello este xoves pola mañá para solicitar que o Alcalde os recibise -feito que non se produciu- para coñecer de primeira man o acontecido, así como participar activamente no novo proceso de licitación que deberá de volver a abrirse a partires de agora. “Parece mentira que ante a grave situación creada teñan que ser as ANPAS as que vaian pedindo reunirse co Alcalde en vez de ser este o que dé as oportunas explicacións aos afectados, e o máis grave é que ante esta solicitude o Alcalde delegue no concelleiro e non de a cara”, denuncian Candocia e Miñones.

TRABALLADORES

O xoves pola tarde estes grupos reuníronse tamén cos representantes dos traballadores e traballadoras para darlle a coñecer toda a información á que tiveron acceso e trasladarlle o seu ánimo e tranquilidade. Esta reunión produciuse ao mediodía e permitiu coñecer de primeira man a resolución do contrato que levará a cabo o Concello coa empresa A Billarda. A preocupación amosada polos traballadores e traballadoras era evidente ao non coñecer o seu futuro e á espera da chamada telefónica da nova empresa que levará temporalmente o servizo.

Os representantes dos monitores e monitoras deixaron ben claro que non houbo sentenza e que o acordo ao que chegaron coa empresa anterior foi comunicado ao Concello por rexistro o pasado 4 de xuño, tempo moi anterior a publicación dos pregos para a licitación do servizo. Polo tanto o Alcalde mentiu ao afirmar que a causa do erro fora unha sentenza sobre un litixio entre empresa e traballadores, e mentiu cando dixo que a mesma foi coñecida unha vez xa estaba o proceso en marcha, cando a realidade foi que tal anuncio saíu o 14 de xullo, máis de un mes despois da comunicación por rexistro dos traballadores.

EVENTUAL SOLUCIÓN
Ames Novo e Partido Socialista saben dende un principio que o próximo mércores 10 os comedores funcionarán, pero a preocupación de ambos grupos céntrase na calidade do servizo que se prestará ao considerar o mesmo non como un servizo asistencial, senón como un servizo educativo. A solución proposta polo goberno de forma temporal coa empresa A Billarda non pasa de ser un parche a un monumental erro que fixo pasar un innecesario mal trago a máis de 1.000 familias, case que 100 traballadores e numeroso persoal ligado a este servizo, por non ter a previsión suficiente na redacción dos pregos a sabendas que remataba a prórroga do contrato un ano antes. “Erros como este de quen nos gobernan os acaban pagando moitos cidadáns e traballadores”, afirman Candocia e Miñones.

Ambos grupos pedirán mañá mesmo acceso ao expediente do concurso de licitación e copia do contrato asinado coa nova empresa A Billarda. “Esperamos que o inicio do curso non se vexa máis alterado e que a nova empresa saiba xestionar esta complicada situación, máis se cabe cando a súa chegada ao Concello deberá facerse en moi pouco espazo de tempo e sen case marxe de manobra”, din ambos voceiros.

NON PERMITIR USAR AS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS
Queren finalmente sinalar ambos voceiros que o camiño elixido polo Alcalde impedindo reunirse cos traballadores este xoves e nun espazo público como é o Pazo da Peregrina “recorda a tempos pasado e ditatoriais”. O grupo municipal socialista solicitou o pasado martes o uso dunha das dependencias do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, como noutras moitas ocasións, e, tal solicitude foi posterior á comprobación de que este espazo público estaba baleiro e da confirmación dese feito logo de falar directamente co persoal do Pazo e co Gabinete de Alcaldía, pero para sorpresa dos grupos políticos, unha vez solicitado o Pazo para o xoves ás 15:30 h. e por rexistro, se pasa contestación escrita de que o Pazo estaría ocupado na súa totalidade e durante toda a tarde. Ás 16:15 h. E despois da xuntanza mantida comprobamos, acercándonos ao Pazo, que non existía reunión algunha estando pechadas as portas do mesmo e logo de cerciorarnos co persoal que estaba presente no edificio aledaño de que non se realizara ningunha reunión en tales dependencias. “É inverosímil e patético ter un personaxe como o que temos de Alcalde que impide que a oposición se reúna coa xente e impedindo o desenvolvemento dos nosos dereitos como representantes dos cidadáns” sentencian Pilar Candocia e Jose Miñones.