José Miñones, portavoz dos socialistas, trasladou aos alí presentes a preocupación que o Grupo Municipal ten polo desenlace do contrato de licitación do Ciclo Integral da Auga
Miñones relatou o día a día dos socialistas de Ames como grupo da oposición maioritario no Concello. “Son moitas as inquedanzas que os veciños e veciñas nos trasladan durante as visitas que estamos a facer ás parroquias, asociacións, Anpas e outros colectivos do termo municipal. De todas elas damos debida conta ao Goberno no apartado de rogos e preguntas durante os plenos ou nos escritos que presentamos a través do rexistro”.
Dende a última asemblea celebrada, hai sete meses, os socialistas estiveron facendo unha oposición activa e proactiva, non só no relativo ás mocións presentadas, como o IVE dos salóns de peiteado ou a lei de dependencia, senón aos problemas puntuais que o portavoz socialista vai atopando nas rúas amienses e que denuncia publicamente nas redes sociais.
Os desbroces, o arranxo de pistas, os colectores de vidro e lixo inexistentes, a carencia de saneamento e os puntos de luz que non funcionan, respecto deste asunto os socialistas teñen solicitada unha auditoría da rede eléctrica, son temas concretos e xenéricos de interese para a cidadanía e que demandan unha atención rápida e non só “cando hai festa”, como sinala o concelleiro de obras cando se lle pregunta algunha destas cuestións.
José Miñones sinalou que “o Concello está a sufrir un abandono total e preocupante por parte dun goberno inoperante e, sobre todo, por parte dun alcalde, Santiago Amor, desaparecido e incapaz de ver as necesidades propias dun municipio de trinta mil habitantes como o noso”. Neste sentido, referiuse a todos os problemas que hai coas escolas deportivas, o imposto do IBI, os comedores escolares, os centros de Saúde, o IES de Milladoiro e, principalmente, coa licitación do servizo de abastecemento e saneamento da auga. “As obras de saneamento están sen facer porque a idea era realizalas co importe do canon que o Concello cobraría polo contrato da auga, un contrato que a día de hoxe non se resolveu e que está a producir un custe engadido de 1.660€, segundo afirmou o alcalde nun dos plenos onde se tratou esta materia”, sinalou Miñones.
Miñones ademais dou conta da actividade municipal cun balance nos últimos 7 meses de 38 rogos, 65 preguntas, 8 mocións, 58 escritos e 36 comunicados de prensa. Unha actividade municipal que se veu incrementada con 15 visitas a parroquias e lugares de Ames nestes sete meses para atender mais de 160 demandas dos veciños e veciñas de Ames.
A executiva do partido máis o Grupo Municipal traballan en paralelo
Francisco Villaverde, secretario da Agrupación Socialista de Ames, foi o encargado de render contas do quefacer da organización. As visitas ás parroquias estanse acompañando de boletíns, xa levan dous e estase preparando o terceiro deste ano.
Ademais, o grupo está a realizar unha serie de charlas informativas e formativas que comezaron hai xa dous anos. “Nun primeiro momento percorremos a historia do noso partido, pasado, presente e futuro e agora estamos a facer unhas sesións, cremos, que máis didácticas e con temas de actualidade como a sanidade e a educación, este luns fixemos unha sobre a LOMCE e o vindeiro 7 de novembro imos facer unha sobre a adolescencia e internet”, concretou o secretario.
Primarias para a elección de candidato ou candidata
Por outro lado, o concelleiro Blas García explicou o proceso de primarias para a elección do próximo candidato socialista á alcaldía de Ames. García explicou paso a paso os tempos do proceso e a documentación necesaria para todo aquel candidato ou candidata que queira presentarse. A votación do proceso de primarias en Ames terá lugar o 30 de Novembro e dende o 3 ata o 14 de Novembro estará aberto o prazo para recoller avais por parte dos/as precandidatos/as que queiran presentarse.