Solicítanlle ao goberno para que actúe canto antes e poña a disposición dos veciños e veciñas que o soliciten o alugueiro dos nichos

Están a favor da xestión directa do Cemiterio por parte do propio concello

Piden a busca de financiamento para a construción dun tanatorio e un crematorio no Cemiterio Municipal

O Grupo Municipal dos Socialistas de Ames vén de presentar un escrito no rexistro municipal no que urxe ao concello a aprobación do Regulamento do Cemiterio Municipal e a súa posta en funcionamento canto antes.

Lembran desde o PSdeG que desde o pasado 13 de Novembro de 2014 en que se realizou unha xuntanza para debater sobre o Regulamento do Cemiterio Municipal de Ames non se volveu a recibir máis información por parte do goberno municipal sobre posibles decisións a adoptar ou que o citado Regulamento se trasladase e debatese nunha sesión plenaria, así como a situación e actuacións a desenvolver no propio cemiterio.

O Grupo Municipal Socialista ten clara que a prioridade e a necesidade inmediata é a posta en funcionamento do Cemiterio Municipal, o cal, por desgraza xa se leva demorando demasiado a súa apertura e posta en funcionamento. Tantos anos de atraso só fomentaron o deterioro das instalacións existentes en Os Batáns e ocasionou que o gasto necesario para a súa apertura teña que ser elevado. Pero tal e como incidiamos – din os socialistas no seu escrito-, a necesidade imperiosa de que se comece a dar servizo o antes posible fai que nos dirixamos ao goberno para que actúe canto antes e solucionemos este asunto dunha vez por todas, poñendo a disposición dos veciños e veciñas que o soliciten o alugueiro dos nichos.

Xestión directa do concello
Os Socialistas de Ames están a favor e defenden que para esta posta en funcionamento inicial do Cemiterio é máis rápida e útil a fórmula da xestión directa do Cemiterio Municipal por parte do propio concello, así como a apertura do mesmo en fases para ir cubrindo paulatinamente os gastos que se xeren os arranxos das zonas deterioradas polo abandono destes anos. Así mesmo, consideran de interese a busca de financiamento para poñer en funcionamento o antes posible o tanatorio e crematorio que aparecen no proxecto completo do Cemiterio, xa que ambos servizos funerarios, ademais de constituír unha mellora da propia infraestrutura e un servizo aos usuarios e usuarias da mesma, servirían para axudar financiar a apertura doutras zonas e a sufragar os gastos que se derivaran do Cemiterio. “Sería oportuno, ademais, analizar a necesidade de realizar un modificado do proxecto inicial do tanatorio adaptando o mesmo ás novas expectativas e necesidades actuais do concello”, din desde O PSdeG.

O Grupo Socialista solicítalle ao concello por escrito que procedan de maneira urxente á aprobación do Regulamento do Cemiterio Municipal de Os Batáns, o acondicionamento e apertura inmediata do Cemiterio e a busca de financiamento para a construción dun tanatorio e un crematorio no Cemiterio Municipal e a creación dunha partida nos orzamentos do 2015.