O Grupo Municipal Socialista está a completar as visitas ás parroquias amesás para dar conta das últimas accións levadas a cabo dende a oposición e coñecer de primeira man as inquedanzas dos veciños.

Os socialistas explicaron que están a traballar nas demandas que os veciños e veciñas solicitaron na primeira rolda de visitas realizada ao longo do ano pasado. A escaseza de contedores de reciclaxe, sobre todo, vidro e cartón, o acceso a internet no rural, os defectos no alumeado público e o arranxo de pistas son as preocupacións que teñen en común case todas as parroquias.

Dende a oposición, o Grupo Municipal Socialista fai forza para arranxar estes problemas presentando escritos ao goberno, mocións, rogos e preguntas nos plenos, dos que, a gran maioría, non obteñen resposta. “Isto tamén é o que atopamos cando falamos cos veciños e veciñas, quéixanse de que preguntan por rexistro sobre as carencias que observan nas súas aldeas e non reciben resposta, por iso, eu propoño a creación dunha axenda aberta do alcalde”, asevera Miñones. Ao seu entender un servidor público debe de estar presente non só cando é elixido senón, e moi especialmente, ao longo de toda a lexislatura. “Debemos facer un contrato coa cidadanía, adoptar un compromiso real cos veciños e as veciñas, particularmente, e por iso eu comprométome a achegar o goberno ás parroquias, a todos os amesáns e amesás”, engade.

O abandono do rural por parte do goberno de Santiago Amor é unha realidade

Respecto das demandas solicitadas, os socialistas pediron un estudo da ubicación concreta e conservación dos contenedores situados nas parroquias, xa que son moitos os lugares nos que non existen contedores de reciclaxe. Os veciños e as veciñas quéixanse de que dende a administración “che piden que recicles pero non tes maneira de facelo porque non se nos dota de medios”, explica un veciño.

O candidato socialista está seguro de que é preciso dotar de internet ás localidades máis afastadas do núcleo urbano para facilitar o acceso á administración electrónica no rural. “Se todos os locais sociais do concello tiveran banda ancha sería posible ofrecer cursos de internet á veciñanza e explicarlles, por exemplo, como solicitar unha cita médica para o seu centro de saúde, aforrándolles tempo e cartos. Non entendemos como o señor Amor non foi quen de solicitar o plan de banda ancha que sacou a Xunta para ampliar o servizo de internet ao rural ”, sinala Miñones.

Os puntos de luz tamén traen de cabeza aos veciños e veciñas de Ames. “Ás veces as farois están prendidas de día e apagadas pola noite, ou hai algunhas acesas e outras sen luz ou directamente non funcionan. E isto acontece tanto nas parroquias como nos grandes núcleos como Bertamiráns e O Milladoiro ”, explica o candidato socialista. Aproveitando a ocasión que lles brindou no mes de setembro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando ofreceu a colaboración do goberno autonómico para axudar a aqueles concellos que fixeran unha auditoría da rede eléctrica, os socialistas de Ames pediron a Santiago Amor e os seus concelleiros que tomaran esa iniciativa para poñer ao día o alumeado público, sen embargo o goberno popular segue sen dar sinais do seu traballo.

Outro motivo de malestar é o estado das pistas. “Non pode ser que durante catro anos non se realice ningunha acción a este respecto e agora todo sexan présas sen ningún tipo de coñecemento das deficiencias reais”, critica o portavoz socialista. Miñones considera que é necesaria “unha planificación correcta e axeitada sobre o mantemento das pistas para aforrar tempo e diñeiro na execución das obras”. Neste sentido, el considera que o adecuado sería traballar dende o Concello porque así “aforramos os cartos do proxecto e a contratación de obras”. E aclara, “isto poderíase facer colaborando con outros concellos limítrofes, proxecto que dende os socialistas de Ames estamos a barallar”.

Un regulamento de tala para a conservación dos camiños forestais

Repercuten economicamente no Concello os danos que se poden ocasionar durante a tala de árbores polas empresas madeireiras, pero son os propios veciños os que padecen o deterioro destas zonas, que observan como as terras do monte van perdendo firme e provocan pequenas enchentas durante a época de chuvia, favorecendo que a auga entre nas casas e que, nalgúns casos, se produzan accidentes de tráfico.

Desta queixa fíxose eco o Partido Socialista de Ames redactando un regulamento de tala que xa foi entregada ás asociacións veciñais interesadas, á oposición e tamén ao propio goberno, que, en boca de José Miñones: “Da a calada por resposta, demostrando novamente o preocupado que está este goberno do PP en buscar solucións para os seus veciños, aínda que o traballo xa se lle dea feito”.

Nesta xuntanzas, tamén se fala de saneamento, xa que son varios os lugares que aínda non están conectados á rede de saneamento do concello por diversas razóns. Os socialistas explican que esta é e foi sempre unha prioridade para eles e que nesta lexislatura estiveron propoñendo de maneira reiterada a realización de obras de saneamento a través dos Plans de Obras provinciais e outros plans existentes, e sempre obtiveron a mesma resposta do goberno do PP: unha negativa. Miñones di que “levamos toda a lexislatura solicitando que se vaian facendo obras de saneamento, pero, esperando polos 4 M€ do fallido contrato da auga, durante estes case catro anos, o goberno de Amor, só fixo unha obra de saneamento. Como no conto da leiteira, caeulle o leite e pechouse o grifo cando non saíu adiante o contrato inicial do ciclo integral da auga”.

Os Socialistas anuncian que continuarán coas súas visitas e contactos cos veciños e veciñas de Ames, como xa veñen realizando durante toda a lexislatura, e explican que eles non se acordan de visitar as parroquias ou incrementar a súa actividade ao achegarse as eleccións, “como fan outras forzas políticas” –din-. Para os próximos días xa teñen planificadas visitas a Tarrío, Piñeiro e Tapia.