Os socialistas presentan unha renovada formación, integrada por persoas ligadas ao asociacionismo e ao tecido empresarial amesán xunto con compañeiros e compañeiras vinculadas ao Partido, co que levan colaborando dende hai tempo

As palabras clave que vertebran a candidatura socialista son renovación e igualdade. “Por primeira vez presentamos unha lista cremalleira, na que tan importante é a igualdade de xéneros como a súa alternancia nos postos”, asegura José Miñones, candidato á alcaldía de Ames.

Os socialistas de Ames presentan aos veciños e ás veciñas de Ames, o venres 24 de maio, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, a súa candidatura máis igualitaria e representativa de toda a veciñanza amesá. Os socialistas encaran estes comicios municipais cunha lista moi ambiciosa, chea de caras novas para o socialismo pero moi coñecidas dentro do municipio. A prioridade na súa elección foi involucrar a persoas integradas en asociacións veciñais, tanto deportivas como comerciais ou culturais, xunto con colaboradores activos e militantes do Partido Socialista, buscando, tamén, a representación de todos os lugares do Concello amesán.

Desta candidatura resalta Miñones “a consecución dunha paridade efectiva, xa que se trata dunha lista na que, ademais de verse representados os veciños de Ames, homes e mulleres ocupan postos alternos na lista, promovendo unha igualdade de feito e non só de palabra”. As persoas que se presentan nesta candidatura teñen en común “a ilusión polas cousas ben feitas, polo diálogo e polo progreso do concello”. Queren ser “interlocutores reais” entre o goberno e a cidadanía porque eles tamén forman parte desa cidadanía. “Esta candidatura é un claro reflexo da sociedade amesá: homes e mulleres preparados, implicados e traballadores”, sentencia o alcaldable. Engade Miñones que “queremos ser os representantes de todo o concello amesán, sen exclusións e sen privilexios, xa que todos os núcleos do concello son importantes e necesarios, e nós apostamos pola vertebración de todo o municipio”.

Como candidato á alcaldía, José Miñones, busca “a participación de todos os veciños e veciñas, porque os socialistas sempre gobernamos para as maiorías, queremos un concello transparente, participativo e no que o alcalde dea a cara”.

Participación, transparencia e a escoita activa como puntos fortes
José Miñones non se cansa de repetir que “nós defendemos aquilo que calquera persoa defende, é dicir, uns servizos públicos de calidade, orientados cara unha veciñanza que demanda unha sanidade e unha educación pública, así como unha concilación laboral axeitada ás familias, antepoñendo sempre a atención e a calidade ao prezo”.

Na súa defensa do público, os socialistas de Ames apostan por realizar unha “escoita activa” dos problemas que vislumbran os veciños e veciñas amesás. Asegura Miñones que, se el sae alcalde, “blindará os servizos públicos”, destinando unha porcentaxe do presuposto municipal para este fin. “O noso compromiso é con todos e cada veciño e veciña de Ames. Queremos un Concello no que os nosos nenos poidan medrar e onde os mozos e mozas teñan un futuro, sempre respectando a experiencia e a valía dos nosos maiores”, di Miñones.

“A transparencia vai ser un dos nosos baluartes durante estes catro anos. É necesario que a cidadanía saiba en que se invirten os seus cartos e nós defenderemos iso en todo momento. De feito xa o estamos a facer, unha vez que fixemos pública a declaración de bens dos nosos concelleiros”, afirma o alcaldable. “Promoveremos tamén os orzamentos participativos, xa que, son os veciños os que deben decidir cales son as prioridades que precisan en cada lugar e parroquia”, sentencia.