“Queremos que o Concello de Ames sexa recoñecido como o primeiro concello de Galicia catalogado como “Amigo da Infancia”, conforme aos criterios de UNICEF”, afirma José Miñones, candidato socialista á alcaldía de Ames.
“Queremos mozos e mozas críticos e participativos, colaboradores e solidarios, con igualdade de oportunidades. Queremos unha xuventude creadora de opinión e do seu propio ocio”, enfatiza o alcaldable.
José Miñones afirma que é necesario facer políticas que atendan as necesidades da xente máis nova do Concello. “Somos o Concello máis xove de Galicia e queremos que esa realidade se vexa reflexada na vida municipal do día a día”, engade o candidato.
“Os socialistas promoveremos que o concello amesán sexa recoñecido como o primeiro concello de Galicia catalogado como “Amigo da Infancia” conforme aos criterios de UNICEF. Neste sentido traballaremos en programas de prevención dirixidos á infancia nos ámbitos sanitario, educativo e ambiental. Tamén promoveremos a adopción dunha Carta Local dos Dereitos da Infancia, co compromiso de prestar unha atención prioritaria aos nenos e nenas, impulsando un plan estable de actividades de ocio e tempo libre que favorezan os valores relacionados coa participación, a liberdade, a xustiza, a igualdade e a democracia”, sinala Miñones.
Asociacionismo xuvenil
O partido socialista de Ames quere potenciar o asociacionismo xuvenil “incentivando a súa participación nos movementos e actividades municipais e subvencionando as actividades propias das asociacións xuvenís”, enfatiza o responsable socialista.
Miñones enfatiza que están a traballar nun proxecto chamado “crea o teu ocio” como plataforma de comunicación e relación do concello coa xuventude. Deste modo, “ofreceremos actividades nos IES demandadas tanto polo centro como polo alumnado. Tamén revitalizaremos a promoción cultural xuvenil mediante a realización de certames literarios, fotográficos, de ilustracións, deseño, pintura, música ou teatro. E iniciaremos as xestións específicas para dotar ao concello de locais de uso xuvenil para que os mozos e mozas teñan lugares propios onde poder reunirse e desenvolver a súa creatividade”, di Miñones.
Afirman tamén os socialistas que impulsarán políticas de vivenda, en especial o fomento do alugueiro, para os máis novos co obxecto de facilitar a súa emancipación.
Un concello que aposta pola educación de calidade
Segundo os socialistas, a clave para o desenvolvemento persoal e social é a educación, unha educación de calidade que permita a igualdade de oportunidades.
Partindo desta base, son moitas as propostas que os socialistas levan no seu programa, unha delas é a creación do Consello Municipal de Educación, na que se englobarán a todos os colectivos implicados na educación dos máis pequenos.
“Tamén cremos necesario blindar as partidas económicas destinadas a educación, para solucionar nos centros aquelas deficiencias que son competencia do Concello e para colaborar directamente coas ANPAS cunha liña de subvencións para actividades propias e extraescolares, así como, facer un estudio sobre as necesidades educativas do concello, de cara a acadar novas parcelas para a construción de novos centros educativos”, explica o candidato socialista.
Miñones recalca que “é necesaria unha cooperación diaria coas ANPAS, apoiando as súas reivindicacións perante a Consellería de Educación, a través do Consello Municipal de Educación e favorecendo a constitución da Federación de ANPAS de Ames”.
Outra das súas prioridades son a creación dun banco de libros, a promoción do empréstito interbibliotecario, , a “biblioteca móbil” para o rural e un plan de dinamización da lectura con campañas de animación, cursos, certames literarios e contacontos.
Os socialistas van desenvolver programas de apoio e reforzo para o alumnado en situación de fracaso escolar, promover a Educación de adultos, seguir apostando pola Escola de Música Municipal e implantar unha sección da Escola Oficial de Idiomas en Ames.
Un concello que aposta polo deporte
Para os socialistas de Ames o deporte para todos é o principio vertebrador dunha política de deportes eficiente e efectiva.
Neste sentido, os socialistas apostan por poñer en marcha o Consello Municipal de Deportes para potenciar as Escolas Deportivas Municipais de calidade, prestando especial atención ao deporte base e ao deporte feminino.
“A consecución destes obxectivos pasa por unha auditoría das instalacións actuais para a súa mellora, así como a promoción de competicións deportivas entre equipos do noso concello e de concellos limítrofes. Tamén melloraremos os criterios de baremación e adxudicación das subvencións aos clubs e entidades deportivas, así como o sistema de xustificación, para que os cartos cheguen en tempo e forma para cubrir as necesidades dos colectivos en tempo real”, concreta Miñones.