Blas García amosou o apoio incondicional do concello de Ames e dixo que “o concello de Ames está afectado de maneira importante pola planta de Toysal, e son moitas as razóns que fan que en Ames nos debamos de mobilizar e pelexar conxuntamente cos veciños e veciñas de Teo para evitar semellante aberración”
Representantes socialistas en diferentes institucións mantiveron unha reunión con membros da Coordinadora da Plataforma Casalonga Libre de Residuos. Tras coñecer de primeira mán, in situ, as pretensións de Toysal en Calo, amosaron o seu rexeitamento a esta instalación, ofrecendo a colaboración en cada unha das institucións que representan, para impedir tal instalación.
Acudiron a esta reunión e visita á antiga canteira de Carballal, na parroquia de Calo, Uxía Lemus, concelleira en Teo, e representantes locais socialistas no concellos de Ames, Rois, Val do Dubra, Oroso, Pontecesures, Santa Comba, Vedra e Negreira; o alcalde de Brión; o deputado provincial Antonio Leira; o portavoz socialista no Parlamento de Galicia, Fernandez Leiceaga, e o eurodeputado Pepe Blanco.
Desta forma, o PSdeG-PSOE amosa o seu inequívoco compromiso coa loita pola non colocación desta planta contaminante en solo rústico. Iniciativas en cada un dos concellos afectados, na Deputación, no Europarlamento, uniranse Ás xa presentadas no Parlamento de Galicia, impulsando as modificacións lexislativas necesarias para evitar estas instalacións en zonas residenciais, como Calo.
Uxía Lemus amosou a súa satisfacción polo apoio do seu Partido sobre este tema, que trascende o ambito local, e agradeceu a inmellorable disposición da Plataforma Casalonga Libre de Residuos, con todas as forzas políticas, para a concreción desta reunión, así como das medidas de presión e mobilización,imprescindibles para a consecución do obxectivo común da non instalación desta planta en Calo.
Apoio do concello de Ames
Pola súa banda, o tenente de alcalde de Ames e secretario xeral local, Blas García, amosou o apoio incondicional do concello de Ames, como xa se amosou no último pleno ordinario no que se aprobou por unanimidade a moción que rexeita esta construción, e dixo, tamén, que “o concello de Ames está afectado de maneira importante pola planta de Toysal, xa que a escasos metros atópase Firmistáns, na parroquia de Bugallido, ou a zona de Raíces e Casanova, na parroquia de Biduído; sen esquecernos do Milladoiro a onde chegarían os cheiros en función de onde soplara o vento, … son moitas as razóns que fan que en Ames nos debamos de mobilizar e pelexar conxuntamente cos veciños e veciñas de Teo para evitar semellante aberración”