Nova da web concellodeames.gal

Coa finalidade de complementar as medidas que se puxeron en marcha para facer fronte aos efectos máis inmediatos da crise provocada pola Covid-19, o Concello de Ames está a deseñar e desenvolver o Plan Reactiv@mes, un plan de choque que incluirá medidas de apoio concretas para o tecido económico local, e que complementen ás xa postas en marcha. Para facer efectivo o apoio técnico e a participación social no deseño destas medidas, o Concello está a artellar un sistema de participación a través dunha mesa de participación do Plan Reactiv@mes, na que están representados axentes económicos e sociais do Concello. A Comisión desenvolveu unha primeira reunión, a través de videochamada, na que se procedeu á presentación da mesma (membros, obxectivos e sistema de funcionamento) e se abordaron as necesidades do tecido empresarial local e suxestións de medidas a poñer en marcha para a súa reactivación económica.

A idea principal desta primeira xuntanza era facer partícipe á sociedade en xeral, a través de diferentes sectores, das medidas a implementar de xeito inmediato, ademáis de dar unha perspectiva técnica nun ámbito máis específico como o económico, coa visión dos profesores da USC Luis Otero e Gonzalo Rodríguez. Desde a administración local incidiuse na necesidade de facer unha reflexión conxunta cos sectores que representan a cidadanía amesá de ata onde pode chegar o Concello e as medidas que se poden adoptar de xeito inmediato e, nese sentido, evitar duplicidades con medidas que se implementen desde as administracións autonómica e estatal. Así, o Concello de Ames traballará agora na planificación inmediata, a curto e a medio prazo, sempre seguindo as directrices que se vaian tomando desde a Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e Goberno central.

Seguridade
A necesidade de contribuír á idea dun entorno seguro foi un dos temas que se abordou en maior profundidade nesta primeira xuntanza. Neste sentido, o Plan Reactiv@mes contempla accións que xa se están a desenvolver e outras para aplicar de xeito inmediato, como o deseño dun plan específico de reforzo da limpeza en lugares públicos (instalación de produtos de desinfección en espazos públicos, espazo adicado para actividades culturais, mercados ao aire libre…); acceso fácil a medidas de protección para as empresas (centrais de compra, puntos de distribución, axudas á compra de material); medidas de información á poboación, en especial sobre a incidencia para trasladar que o destino/cidade é seguro; unha campaña de comunicación específica; e asesoramento a empresas para a adaptación do local.

Creación dun espazo web informativo
Outra das liñas nas que se articula o plan de reactivación económica para Ames é a posta en funcionamento dun espazo web informativo onde se recolla toda a información de interese para os afectados, desde normativa vixente, noticias, modelos e plantillas, e onde se levarán a cabo webminars para as persoas ou entidades implicadas. Con esta web terase a información centralizada e poderase difundir a información máis adaptada ao ámbito local, dun xeito máis directo, e onde a información será algo prioritario. Na xuntanza deuse traslado da idea de poñer este espazo web informativo a funcionar xa durante os próximos días e co obxectivo de abrir a participación a toda a sociedade Amesán.

Comercio de proximidade
Entre as achegas realizadas polos diferentes sectores representados na mesa, incidiuse moito na idea de apoiar ao comercio de proximidade. Neste sentido, valorouse a necesidade de desenvolver medidas que favorezan a reactivación do comercio local e a oportunidade de facer partícipe á cidadanía do consumo local. Entre as medidas a desenvolver pola administración local poderían ter cabida as de tipo fiscal, aprazamentos, axudas á conciliación, ou a consecución de materiais de seguridade e desinfección. En todo caso, o Concello traballará estes días coa asistencia técnica na recollida e sistematización da información aportada nesta primeira xuntanza, sempre buscando unha aplicabilidade aos recursos que se poñan en marcha para que perduren no tempo e garantir a durabilidade do comercio. Nos próximos días elaborarase o borrador do plan de choque para a súa análise, en función das achegas plantexadas nesta primeira xuntanza e as que se aportarán durante estes días, e que se irán incorporando ao documento.

Mesa de participación
Nesta primeira xuntanza a mesa de participación do Plan Reactiv@mes contou coa presenza de diferentes representantes de varios sectores, se ben nun futuro poderían incorporarse novas entidades ou persoas. Para iso, a web tamén ten un espazo adicado á participación. Así, estiveron presentes na reunión Gonzalo Rodríguez, profesor de Economía aplicada e Luis Otero, profesor de Economía financeira, en representación da Universidade; as asociacións de comerciantes XEA, Palmira Bulevar e de empresarios do Parque empresarial Novo Milladoiro, en representación da parte asociativa; La Trastienda del 7 (Milladoiro) e a Casa Rural As Bentinas, en representación do sector hosteleiro; Tecalis (sector das TIC), Clun (sector gandeiro), SSG (sector da construción e inmobiliaria), Xestoria Milladoiro e Gestinfor Bertamiráns en representación do sector empresarial; Patricia de Lorenzo, actriz e xerente de Chévere e Marcos Valcarce, músico de orquestra, en representación do sector da cultura; e Down Galicia, Servizos Sociais do Concello e CEGASAL, en representación do sector social.

Por parte das administracións, o Concello de Ames estivo representado por diferentes responsables políticos, o técnico de emprego, Juan Carlos Carreja, e o técnico de promoción económica, Jorge Couñago. Por parte da Deputación da Coruña estivo presente na Comisión o Deputado de Promoción Económica, Blas García.

Desde o Concello avanzan que nos vindeiros días exporase o primeiro borrador aos grupos da oposición para dar a coñecer as medidas aportadas e de cara a coñecer as súas propostas para poder mellorar o documento final.

Obxectivos do Plan
Os obxectivos xerais do Plan Reactiv@mes pasan por definir as accións a desenvolver polo Concello durante o ano 2020 para axudar a empresas, traballarores/as e autónomos do municipio; facilitar o diálogo, consenso e a adopción de propostas internas (grupo de goberno) e externas (axentes económicos e sociais do concello); sistematizar a través de diferentes eixos ou liñas de plan as medidas a implementar desde a administración local, con especial atención a aquelas que son competencias propias, e complementando outras que estén desenvolvendo outras administracións; incorporar dotación orzamentaria para cuantificar económicamente as accións propostas e evitar posibles desequilibrios económicos; priorizar as posibles accións en función do impacto que poidan ter nos distintos sectores e eidos obxecto de atención; e visibilizar o papel que está realizando o Concello a través dun plan que se comunicará específicamente.